home inicio    contact contacto      
Santiago de Compostela / Silleda
HOME

SESIÓN 2. Outros aproveitamentos do monte

Existe unha marcada subutilización do potencial dos bosques para producir outros produtos diferentes á madeira.A correcta explotación dos bens non madeirables, pero con prezo de mercado, que se xeran nos ecosistemas forestais pode ser vital para o desenvolvemento dunha sociedade rural.

Preténdese facer unha síntese das técnicas e metodoloxías máis usadas nestes aproveitamentos do monte e do seus efectos sobre o ecosistema (variacións do índice de biodiversidade, impacto socioeconómico nas áreas rurais, perspectivas de futuro, etc.). Isto inclúe avaliar as capacidades dos produtores (pequenos, medianos e grandes) e as limitantes técnicas e económicas, co obxectivo de incentivar o investimento en activos naturais para conseguir a valorización integral do monte na nosa sociedade a través dun correcto aproveitamento de todos os recursos que poidan xerar beneficio económico. De entre todos os posibles aproveitamentos non madeirables destacan:

 

 

Apicultura

A apicultura é unha actividade específica dentro das producións agropecuarias, e os seus produtos son altamente demandados no mercado internacional. A crecente inclinación ao consumo de produtos naturais sen contaminación e con alto valor alimenticio, xerou que a apicultura tome importancia no ámbito internacional. Dentro do aproveitamento multifuncional do monte a apicultura amósase coma un recurso de importancia, cunha grande tradición dentro da sociedade galega.

< subir >

 

Plantas aromáticas e medicinais

As plantas medicinais e aromáticas son un recurso do medio que se ven aproveitando en Galicia desde épocas moi antigas. Na actualidade algunhas das plantas medicinais teñen unha alta demanda por parte das industrias transformadoras, o que leva a sobre-explotación das poboacións naturais. A recuperación, mantemento e promoción da cultura e economía relacionada co aproveitamento das plantas medicinais e aromáticas nun marco respectuoso co medio natural terían cabida, sen dúbida algunha, nun territorio tan rico e diverso como os montes galaicos.

< subir >

 

Cogomelos

A pesar da diminución da poboación rural, o mercado de fungos e cogomelos está en crecente progresión, fundamentalmente pola maior accesibilidade da sociedade urbana ao medio natural, e tamén polo maior interese gastronómico nos produtos naturais. Abriuse así, dende hai anos, unha fonte de ingresos nada desprezable para unha parte da poboación rural. Neste tipo de actividade, a xestión do recurso pasa a ser un aspecto fundamental para ligalo á propiedade e que a interacción sexa compatible.

< subir >

 

A biomasa forestal primaria con fins enerxéticos

O aproveitamento da biomasa con fins enerxéticos é un dous usos forestais máis antigos feitos polo home que, na actualidade do contexto enerxético, volve a ter importancia tanto polas súas vantaxes medio ambientais como ás económicas derivadas dunha situación actual de escalada de prezos de combustibles fósiles. Ademais, a valorización da biomasa forestal primaria fai máis eficiente a xestión forestal, xa que promove as operacións silvícolas que levan á produción de madeira de calidade e ao mesmo tempo á diminución do risco de incendio.
Promover un plan de aproveitamento dos residuos forestais, que ata agora quedan sen valorizar no monte (restos de operacións silvícolas, e aproveitamento das matogueiras), é un reto a escala mundial. Para iso, é necesario mellorar a loxística, cunha visión integral do ciclo monte-industria que permita a xeración de fluxos económicos orixinados polo aproveitamento sostible da biomasa forestal, apoiando as iniciativas de produtores, silvicultores, xestores e preparadores de biomasa forestal encamiñadas á valorización e integración do sector e enlazalas cos programas de silvicultura preventiva contra os incendios forestais.

< subir >

 

Caza

Os recursos cinexéticos supoñen para moitos montes un recurso complementario que, ben regulado, non compromete o aproveitamento madeireiro. É importante coñecer os parámetros necesarios para compatibilizar axeitadamente estes usos e contribuír á valorización das áreas de influencia forestal.
A actividade cinexética soubo responder en certas rexións de España ás demandas urbanas de ocio, ás aspiracións de determinados grupos ou aos intereses de numerosos propietarios de montes, onde se desenvolven os mellores trofeos de caza maior, que viron nela unha alternativa para as explotacións en crise. Na caza entrecrúzanse hoxe en día múltiples facetas de produción, fins turísticos, ocio, etc., nun desenvolvemento crecente, que vai intimamente relacionado coa integración na economía agraria tradicional de actividades como turismo rural, cazarías organizadas, etc.

< subir >

 

Froitos forestais

Son moitos os froitos que poden ser aproveitados nos terreos forestais ou agroforestais, tanto os que proceden das árbores (castañas, abelás, noces, landras, piñóns, etc.) como as diferentes baias ou pequenas froitas do bosque (arandos, amoras, amorodos, grosellas, framboesas, etc.).
En moitas zonas do mundo o aproveitamento dalgúns destes froitos, extensivo ou intensivo, ten unha grande tradición e importancia nas economías domésticas e rexionais. O congreso pretende servir de foro para coñecer as perspectivas futuras destes tipos de aproveitamentos.

< subir >

 

Cortiza

A recente utilización de materiais sintéticos para elaborar tapóns de botellas espertou preocupación pola ameaza que supón para a industria tradicional de cortiza da sobreira. Os novos tapóns poderían minar a base económica da produción de cortiza das sobreirais na Península Ibérica, onde se produce máis do 50% da consumida en todo o mundo. Unha xestión forestal axeitada debería asegurar a produción continuada de cortiza de boa calidade, para manter o valor económico deste tipo de montes.
Ademais, nos derradeiros anos existe unha importante demanda de cortiza de outras especies (principalmente piñeiros) para seu utilización como substrato e adorno en xardinería.

< subir >

 

 

ACCESO acceso
 Usuario

 Clave

Xunta / Medio Rural